As brigadas provinciais atenderon preto de 600 incidencias en 2017

Pontevedra
01 de xaneiro 2018

Os temporais sufridos ao longo do 2017, xunto coa vaga de lumes de outubro, foron os principais protagonistas das actuacións e incidencias atendidas polas brigadas da Deputación de Pontevedra

Brigada provincial traballando nunha estrada de Pontevedra
Brigada provincial traballando nunha estrada de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

Un total de 571 emerxencias atendidas. É o balance do traballo das brigadas de conservación e mantemento da mobilidade na rede de estradas provinciais, titularidade da Deputación de Pontevedra.

Segundo informa o goberno provincial, estas actuacións corresponden aos avisos chegados a través da unidade de control e vixilancia da Deputación, que recibe e organiza as chamadas do 112, gobernos locais e outros servizos de emerxencia de toda a provincia durante as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Os temporais sufridos ao longo do 2017 foron os principais protagonistas das actuacións e incidencias atendidas polas brigadas.

Os meses de febreiro, cando se produciron as borrascas 'Kurt' e 'Leiv', e decembro, cos temporais 'Ana' e 'Bruno', foron os que deixaron o maior número de traballos, con 164 e 86 emerxencias respectivamente, ás que se sumaron os traballos ordinarios realizados de xeito preventivo e outros atendidos dentro da xornada habitual.

Xaneiro foi o seguinte mes en número de actuacións xunto con outubro (38), coincidindo coa vaga de lumes, estando o resto do ano nunha media de 30 saídas debidas a motivos moi diversos. 

As incidencias máis habituais foron as retiradas de pólas e árbores nas calzadas (201); o soporte e atención en accidentes de tráfico, para sinalizar o suceso, retirar elementos da calzada e baldear a vía no caso de que se derramaran líquidos (149); a recollida de animais soltos (52); nevadas ou xeo (49); desprendementos de noiros con terra e pedras (44); fochancas (24); así como asolagamentos (21) e outras actuacións variadas (semáforos sen funcionamento, retirada de tapas de sumidoiros, postes caídos ou retirada de metais).

A zona centro da provincia, formada polas vías dos concellos de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Cotobade, Cuntis, Catoira, O Grove, Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova, estando atendida por tres brigadas con base en Pontevedra, foi a que máis actuacións sumou e acadou 208 actuacións de emerxencia.

A zona norte, á que dan servizo tres brigadas dos parques de Codeseda e Lalín, está formada polos concellos de Cerdedo, Dozón, A Estrada, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces e chegou a 157 actuacións. O municipio da Estrada foi o que acumulou o maior número de intervencións de toda a provincia, con 58 emerxencias, xa que se trata tamén dun dos municipios con máis quilómetros de vías provinciais .

Finalmente, dúas brigadas da zona sur atenden a maior extensión do territorio nos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Mondariz, Mondariz Balneario, Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Soutomaior, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo, Ponte Caldelas, As Neves, Oia, Nigrán, Baiona, Pazos de Borbén e Mos. Nestas vías actuouse en 206 casos dende as bases de Gondomar e Ponteareas.  

Os concellos nos que menos incidencias se detectaron este 2017 foron Cambados (2 emerxencias), Poio (1), Portas (2), Dozón (1), Mos (2), O Rosal (1) e Oia (1). Non se recibiron avisos dos concellos de Pontecesures, Vilagarcía, A Illa, A Guarda e Tui, en moitos dos casos polo escaso número de estradas provinciais no seu territorio.