A quinta edición da marcha solidaria organizada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) este domingo 8 de outubro en Pontevedra resultou todo un éxito de participación.
As camisetas verdes conmemorativas asolagaron o centro da Boa Vila con máis de 2.000 participantes, o límite máximo establecido nas inscricións, cun desexo conxunto, o de apoiar coa súa presenza proxectos de investigación coa meta de alcanzar o 70% de supervivencia no ano 2030.
A recadación da xornada de feito destinarase a fomentar estes proxectos, así como a financiar programas de prevención, atención psicolóxica e social a pacientes e familiares.
Foron en total 6.750 metros de percorrido a completar correndo, andando ou simplemente acompañando en parte os participantes, xa que o importante era colaborar nunha causa que une a todos.
A xornada completouna unha clase de zumba na Alameda poñendo a guinda a unha actividade que contou cun inmellorable ambiente. A causa merecíao.