As campañas de control permitiron reducir de 2.000 a 350 a poboación de pombas en Marín en catro anos

Marín
23 de xaneiro 2020

Os traballos de control realízaos a empresa Larus Control para manter á raia as poboacións de pomba común e gaivota patiamarela, pois estas dúas especies causan problemas no núcleo urbano debido á súa proliferación, polo que é necesario tomar medidas que reduzan as incomodidades que xeran

Campaña de control poboacional de pombas e gaivotas en Marín
Campaña de control poboacional de pombas e gaivotas en Marín / Concello de Marín

A campaña de control poboacional de aves que Marín realiza desde hai tres anos permitiu reducir en máis de 1.500 individuos de media a cifra de pombas no municipio, pasando dunha cifra próxima ás 2.000 censadas no inicio do servizo a 350 na finalización deste cuarto ano de traballo.

Os traballos de control realízaos a empresa Larus Control para manter á raia as poboacións de pomba común e gaivota patiamarela, pois estas dúas especies causan problemas no núcleo urbano debido á súa proliferación, polo que é necesario tomar medidas que reduzan as incomodidades que xeran.

Segundo os datos revelados pola empresa, e analizados pola concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, no relativo ás pombas, no 2019 leváronse a cabo intervencións con gaiolas de captura en diferentes puntos da localidade, tanto no casco urbano como nalgunhas zonas exteriores. No mes de outubro, instalouse ademais unha gaiola no tellado do mercado de abastos para reducir ao máximo posible a poboación nesta zona. 

En canto á gaivota patiamarela, o servizo de control poboacional renovouse por quinto ano consecutivo debido á gran acollida que tivo entre a cidadanía, principalmente polas molestias e prexuízos que se evitan nas súas vivendas ao facer uso do servizo gratuíto que lles facilita o Concello. Cada ano crecen as chamadas solicitando estes traballos.

Durante o ano 2019 reduciuse a poboación de parellas reprodutoras, debido á falta de exemplares novos que colonicen as novas zonas de cría.

Aqueles veciños e veciñas que desexen que os seus tellados sexan inspeccionados poden poñerse en contacto con Larus Control a través do correo [email protected] ou nos números de teléfono 689 838 359 o 654 831 848, en horario de 10.00 a 19.00 horas.