As Cebolas de Ouro de Sanxenxo, para o Grupo Froiz e Pilar Leiro

Sanxenxo
28 de agosto 2022

Sanxenxo recuperará este ano a cerimonia de entrega dos premios Cebolas de Ouro, cos que se distinguen a persoas ou entidades que garden unha vinculación especial co municipio na súa traxectoria vital ou profesional

Magín Froiz e Pilar Leiro
Magín Froiz e Pilar Leiro / PontevedraViva

Sanxenxo recuperará este ano a cerimonia de entrega dos premios Cebolas de Ouro, cos que se distinguen a persoas ou entidades que garden unha vinculación especial co municipio na súa traxectoria vital ou profesional.

Na cerimonia que terá lugar o próximo 4 de setembro, con motivo da celebración de Santa Rosalía, os galardoados serán o Grupo Froiz, en recoñecemento ao seu fundador Magín Froiz, e Pilar Leiro, veciña de Padriñán e propietaria do histórico ultramarinos que levaba o seu nome.

Ambos pertencen ao sector da alimentación e son recoñecidos tanto pola súa calidade humana como profesional, segundo destacan desde o Concello de Sanxenxo.

Froiz, fundada en 1968, é unha empresa dedicada á venda por xunto e polo miúdo de produtos frescos, alimentación, adega e droguería, a través da súa rede comercial formada por supermercados, hipermercados, cash&carry, franquías e tenda en liña.

A súa actividade desenvólvese en España e Portugal. En España, está presente en Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha e Madrid.

En Sanxenxo conta con tres supermercados, dous en Sanxenxo e un en Portonovo.

A empresa colabora ademais ao longo do ano con distintas actividades realizadas no municipio e participou activamente durante os meses máis duros da pandemia coa iniciativa levada a cabo desde o Concello para a repartición de máscaras.

Pilar Leiro, de 93 anos, recibirá a Cebola de Ouro por ser unha veciña comprometida e axudar aos seus veciños desde o seu pequeno ultramarinos situado en Padriñán.

Con apenas catro anos aprendeu a ler e a escribir grazas á súa madriña que lembra "se foi moi cedo". Casou con 20 anos e tivo catro fillos homes. "Quixen unha nena, pero non houbo forma", subliña a homenaxeada.

Xunto ao seu marido abriu un pequeno ultramarinos onde había de todo. "Tiñamos dende sacos de cemento ata sacos de patacas", sinala, aínda que os seus inicios laborais están vinculados á costura casa por casa. 

"Cando o meu marido enfermou, pois entón fíxenme eu cargo da tenda e de todo", asegura Pilar, que rememora como "había moita xente necesitada e, claro, que lle fiei a moitos veciños. Os cartos en moitos casos non os recuperei, pero había que axudar a quen podía".

Para Pilar, a discreción foi a máxima para que o seu negocio funcionase. "A boca non só está para falar tamén para saber tea pechada", asegura. Agora son moitos os veciños que agradecen a súa implicación e a súa bondade en tempos duros e difíciles en España. 

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, sinala que son dous Cebolas de Ouro "ben merecidas" e que recollen á perfección o "espírito e esencia" destes premios.