As concentracións de repulsa pola violencia de xénero celebraranse a partir de agora ante a Audiencia

Pontevedra
25 de setembro 2015

É un acordo ao que chegou o Consello da Muller de Pontevedra, reunido este xoves. A mesa sobre a violencia detecta unha maior concienciación tralos últimos sucesos de violencia machista, o que incrementou as denuncias e as medidas de protección ás vítimas na comarca  

Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social do Concello de Pontevedra Mónica Patxot

Os últimos casos de violencia de xénero en España provocaron unha maior concienciación na cidadanía. Así o detectou a Mesa Contra a Violencia de Xénero, reunida este xoves en Pontevedra, ao producirse un aumento no número de denuncias e de medidas de protección ás vítimas.

Durante o mes de agosto na cidade se decretaron 12 ordes de protección e alonxamento, o que sitúa en 76 as ordes en vigor na actualidade.

Esta cifra supera os douscentos no caso de toda a demarcación xudicial de Pontevedra, o que supón "cen máis que en setembro do ano pasado" explicou en roda de prensa a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces.

Os participantes na mesa acordaron deseñar un protocolo de actuación e coordinación entre todos os axentes sociais e forzas de seguridade e tamén invitar de novo a representantes xudiciais e de fiscalía a que participen nestas reunións.

Tamén se reuniu o Consello da Muller do Concello de Pontevedra, decidindo trasladar a partir de agora as concentracións en repulsa da violencia machista, que se pasarán a celebrar ante a Audiencia Provincial para "simbolicamente decirlle á xustiza que precisamos da súa colaboración", sinalou Fouces.

No resto de asuntos tratados polo Consello destaca a incorporación ao mesmo da asociación 'Mulleres en pé' e a decisión de encagar ao Consello das Mulleres Novas a organización dos actos do próximo 25 de novembro.