O BNG rexistrou este venres no Parlamento galego unha batería de iniciativas coas que se pretende dar unha resposta axeitada á denuncia da comunidade educativa do CEIP A Xunqueira II, no que a Consellería de Educación non atendeu unha demanda de desdobramento dunha aula con 24 nenos dos que 3 teñen necesidades educativas especiais.
O deputado do BNG por Pontevedra, Luis Bará, sinalou como "exemplo de racanaría e insensibilidade a actitude da administración educativa do PP, que fai unha interpretación burocrática e restritiva da normativa de rateos e desdobramentos".
Bará lamenta "que a Xunta trate a nenas e nenos de 4 anos como números e non como persoas que teñen situacións e necesidades de atención específica e diferenciada".
O deputado nacionalista dixo que o anuncio por parte da Xunta da asignación ao centro dunha docente a media xornada é "un parche que non resolve o problema", xa que esta docente só estaría nunha parte da xornada, "e non porque estea compartido con outro centro: sería contratado pola Xunta a media xornada e logo marcharía para a casa".
Para o BNG é "absolutamente incongruente" esta solución proposta pola Consellería, tendo en conta que existe unha aula libre "e sería moi doado aproveitala desdobrando o grupo de Quinto en dous grupos de 12 con unha mestra a tempo completo para cada grupo".
Por estes motivos, o BNG trasladou hoxe ao Parlamento a demanda da comunidade educativa do centro mediante unha iniciativa na que pide que se dote o centro con un mestre con horario completo para poder facer o desdobramento da aula de Quinto de Educación Infantil.