As escolas infantís de Pontevedra, segundo Política Social, responden á demanda existente

Pontevedra
09 de marzo 2018

A Xunta non contempla, a curto ou medio prazo, construír unha nova escola infantil en Pontevedra. Entenden desde o goberno galego que a oferta actual de prazas que hai na cidade "está moi por encima" da ratio recomendada pola Unión Europea

Visita de José Manuel Rey Varela á escola infantil O Toxo
Visita de José Manuel Rey Varela á escola infantil O Toxo / Mónica Patxot

A Xunta non contempla, a curto ou medio prazo, construír unha nova escola infantil en Pontevedra. Entenden desde o goberno galego que a oferta actual de prazas que hai na cidade "está moi por encima" da ratio recomendada pola Unión Europea.

Nunha visita á escola infantil O Toxo, o conselleiro de Política Social destacou que "estamos respondendo á demanda existente" das familias de Pontevedra e garantiu que todas as persoas que a solicitan "teñen a súa praza" nun destes centros.

Así, Juan Manuel Rey Varela insistiu en que isto é posible coas prazas dispoñibles na rede pública da Galiña Azul, coas escolas do edificio administrativo da Xunta ou o campus universitario ou as entidades de iniciativa social que xestionan a súa propia escola.

A iso sumou a oferta privada de escolas infantís en Pontevedra, onde "con fondos públicos" o goberno galego " garante" que os nenos poidan ser escolarizados "como se estivesen nunha praza pública". A este respecto engadiu que, no caso da Boa Vila, "cada vez son menos casos".

Estes son os beneficiarios do Bono Concilia, o programa de axudas económicas directas ás familias para contribuír ao pago dunha praza nunha escola infantil privada, para nenos de 0 a 3 anos, da súa elección. En Pontevedra, reciben esta axuda o 43% das familias.

O Bono Concilia contribúe ademais, segundo o conselleiro de Política Social, que exista "convivencia" entre os centros públicos e privados e "liberdade" para que os pais escollan "onde queren levar os seus fillos".

ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE

Rey Varela lembrou que as familias galegas terán, a partir de mañá e ata o próximo 9 de abril, aberto o prazo para solicitar a inscrición dos seus fillos de 0 a 3 anos nas 172 escolas infantís da rede autonómica que, para o curso que vén, ofertará 10.264 prazas. Trátase de 484 máis (un 4,7%) que na actualidade.

No caso da provincia de Pontevedra, engadiu, haberá 3.637 prazas tras a entrada en funcionamento de dúas novas escolas, na Estrada e Mos.

Estas prazas compleméntanse coas que se sustentan con fondos públicos en escolas de iniciativa social ou privada ou centros de titularidade municipal. Con elas, ofreceranse 24.081 prazas en total, o que sitúa a ratio de atención por encima do 40%, sete puntos máis que a media recomendada pola Unión Europea.