As estradas provinciais de Poio estrearán seis novos lombos en cuestión de semanas

Poio
20 de xullo 2017

Trátase de redutores físicos de velocidade solicitados polo Concello dentro do Plan Móvese da Deputación Provincial que se instalarán en diferentes puntos quilométricos da estrada entre Portosanto-Campelo-Lourido. Terán un largo de entre sete e dez metros e contarán con nova iluminación, xa que todos están entre beirarrúas

Nova sinalización horizontal pintada en Campelo, en Poio
Nova sinalización horizontal pintada en Campelo, en Poio / Deputación Provincial de Pontevedra

A empresas Taboada y Ramos iniciará nas vindeiras semanas a execución de seis lombos na estrada provincial EP-0602 en Poio. Trátase de redutores físicos de velocidade solicitados polo Concello dentro do Plan Móvese da Deputación Provincial.

Segundo informou o organismo provincial, trátase de seis pasos de peóns sobreelevados que se instalarán en diferentes puntos quilométricos da estrada entre Portosanto-Campelo-Lourido. Terán un largo de entre sete e dez metros e contarán con nova iluminación, xa que todos están entre beirarrúas.

Tamén se instalará un redutor sen paso de peóns e haberá outras estradas con elementos de redución de velocidade. Estas instalacións estarán nas vías que unen a C-550-Muiño e Campañó, a C-550-Calvito-Pereiro e Pereiro-Covelo, ademais dos que se incluirán no proxecto de mellora para a estrada Portosanto-Campelo-C550 (EP-0601), que está en fase de redacción.

A Deputación tamén deu a coñecer que está a realizar nestes días os traballos de repintado e mellora da nova sinalización horizontal en 11,2 quilómetros da estrada provincial EP-0602 Portosanto-Lourido-Campelo. Haberá nova sinalización horizontal con marcas lonxitudinais, illotes e zonas cebreadas e supoñen un investimento de 5.758,80 euros.

Nos últimos días a empresa adxudicataria do lote correspondente á comarca de Pontevedra do plan provincial de mellora de  sinalización está tamén a realizar o pintado da estrada provincial EP-0017 Vao-Campañó, e nas vindeiras semanas procederá a actuar no resto das vías de Pontevedra, Ponte Caldelas, A Lama, Cotobade e Barro, cun pintado total de 332,8 quilómetros na comarca.