As exportacións supoñen xa o 28% das vendas dos viños Rías Baixas

Pontevedra
21 de abril 2015

Rías Baixas continúa co seu crecemento constante nos mercados internacionais e consolídase entre os viños preferidos por consumidores dos cinco continentes. Así o demostran os datos de vendas desvelados pola denominación de orixe. Durante 2014, Rías Baixas exportou un total de 5.387.284 litros (7.183.045 botellas), que en valor alcanzaron os 28.340.946 euros

Copas de viño
Copas de viño / Juan Mejuto

Rías Baixas continúa co seu crecemento constante nos mercados internacionais e consolídase entre os viños preferidos por consumidores dos cinco continentes. Así o demostran os datos de vendas desvelados pola denominación de orixe. Durante 2014, Rías Baixas exportou un total de 5.387.284 litros (7.183.045 botellas), que en valor alcanzaron os 28.340.946 euros.

O mercado exterior xa representa o 28% das vendas en Rías Baixas. Unhas vendas que manteñen os seus niveis, pois en valor crecen un 1,07% mentres que en volume retroceden un 1,18%. "As cifras mostran o posicionamento da marca Rías Baixas nos principais países onde exporta", asegura Juan Gil de Araujo, presidente da denominación.

En canto a destinos, os dez primeiros países epresentan o 83,43% do total exportado. Á cabeza continúa Estados Unidos, con 2.189.258 litros; seguido de Reino Unido, con 735.679 litros. O terceiro posto é para Alemaña, que incrementa as súas compras nun 14,67%, seguida por Holanda, que crece un 78,68%. Completan o ranking Puerto Rico, México, Irlanda, Suíza, Noruega e Suecia.

O secretario xeral da denominación, Ramón Huidobro, destaca que o pasado ano se produciu "unha basculación das exportacións cara ao mercado europeo, onde as vendas crecen nos principais destinos e onde tamén hai un maior número de países que se interesaron polos nosos viños".

Así mesmo, tamén son significativas as cifras rexistradas en destinos como Xapón, cun incremento do 23,35% (94.642 litros); ou Australia, que aumenta as súas vendas en case o 65% (94.238 litros). "Este é o froito do esforzo que dende o Consello Regulador se está a realizar a través de novos plans de promoción en Xapón, Irlanda, Holanda ou México, que se suman a outros xa existentes como Estados Unidos ou Reino Unido e que durante os últimos anos foron dando os seus froitos", matiza Ramón Huidobro.

Os retos para 2015 pasan por seguir avanzando en todos os mercados e dende o Consello Regulador adiantan que estenderán os plans de apoio a todas as adegas de Rías Baixas que aposten pola súa expansión nos mercados internacionais.