As fachadas da Deputación e o Concello reivindican unha sanidade 100% pública

Pontevedra
07 de abril 2017

Estas institucións insisten na necesidade de manter e defender un servizo universal, de calidade e gratuíto como garante dos dereitos básicos da cidadanía

Pancarta "Sanidade 100% pública" na Deputación
Pancarta "Sanidade 100% pública" na Deputación / Mónica Patxot

Con motivo da celebración do Día Mundial da Saúde e do Día Europeo contra a Mercantilización da Saúde, a Deputación e o Concello de Pontevedra despregaron este venres, 7 de abril, unha lona co lema: "Sanidade 100% pública" na fachada das súas sedes institucionais.

A Deputación e o Concello súmanse deste xeito á reivindicación lanzada por preto de 40 cidades de todo o mundo e pon de manifesto unha vez máis o seu absoluto compromiso coa defensa dunha sanidade pública pública, universal, de calidade e gratuíta.

Pola súa parte, a Organización Mundial da Saúde (OMS) centra a súa campaña de sensibilización deste 2017 na depresión, unha enfermidade que afecta a persoas de todas a idades e condición sociais e de todo o mundo.

A depresión provoca angustia mental e afecta á capacidade das persoas para levar acabo incluso as tarefas cotidianas máis simples.

Esta enfermidade pode ter efectos nefastos sobre as relacións coa familia e amizades e sobre a capacidade de gañarse a vida, podendo incluso, no peor das situacións, provocar o suicidio que na actualidade é segundo a OMS a segunda causa de morte entre as persoas de 15 a 29 anos de idade.

Pola contra, a depresión pódese previr e tratar, e xunto cunha atención axeitada, axuda psicosocial e medicación, pódese curar incluso en entornos con escasos recursos.