As farmacias de Pontevedra, aliadas na loita contra o mosquito tigre

Pontevedra
12 de xullo 2024

As farmacias de Pontevedra formarán parte dunha rede de alerta temperá que permitirá coñecer os posibles incrementos significativos de picaduras de insectos e avaliar se son de mosquito tigre. É a principal acción da campaña da Consellería de Sanidade e o Colexio de Farmacéuticos

Presentación da campaña de prevención do mosquito tigre Xunta de Galicia

As farmacias de Pontevedra formarán parte dunha rede de alerta temperá que permitirá coñecer os posibles incrementos significativos de picaduras de insectos e avaliar se son de mosquito tigre. É a principal acción da campaña da Consellería de Sanidade e o Colexio de Farmacéuticos.

Con esta campaña, ambas partes destacan a importancia que ten a colaboración cidadá para o control deste vector de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou zika.

Mediante esta iniciativa trasládanse as recomendacións para non contribuír á proliferación do mosquito tigre, evitar a súa picadura e fomentar o uso da app Mosquito Alert.

Esta aplicación permite enviar fotografías de mosquitos detectados, posibles lugares de cría e mesmo picaduras de mosquito para que sexan validadas por expertos do Consello Superior de Investigacións Científicas e da Rede Galega de Vixilancia de Vectores.

O ano pasado reportouse a presenza do mosquito tigre nos concellos de Moaña, Vigo, Cangas, Redondela e Vilaboa.

A vixilancia establecida pola rede abarca este ano a máis concellos da contorna co fin de estudar a posible expansión do mesmo.

No que vai de ano 2024, só se detectou na aplicación Mosquito Alert en Moaña e en Vigo, mentres que no trampeo da rede só se detectou nas mostras recibidas do concello de Moaña.