As futuras enfermeiras aprenden claves para detectar casos de violencia machista

Pontevedra
01 de decembro 2021

A maioría das vítimas da violencia machista, nun ou outro momento, son atendidas nalgún servizo sanitario polas agresións físicas ou psicolóxicas que sofren por parte do seu maltratador, pero non sempre verbalizan o que lles sucedeu

Curso sobre violencia machista na Escola de Enfermería
Curso sobre violencia machista na Escola de Enfermería / Universidade de Vigo

A maioría das vítimas da violencia machista, nun ou outro momento, son atendidas nalgún servizo sanitario polas agresións físicas ou psicolóxicas que sofren por parte do seu maltratador, pero non sempre verbalizan o que lles sucedeu.

Por iso, os expertos consideran que é importante que os profesionais sanitarios saiban detectar estes casos e os aborden da mellor maneira posible.

Ese é o obxectivo do curso que está a recibir o alumnado da Escola de Enfermería de Pontevedra, impartido pola axente de igualdade, Mercedes Renda.

O sistema sexo-xénero, a discriminación das mulleres como un fenómeno estrutural, os roles e os estereotipos de xénero, a violencia machista e as violencias dixitais son algúns dos temas para abordar neste módulo de oito horas.

"A idea é poñer no centro na necesidade de que, para ser boas profesionais, teñan sempre unha xanela aberta a detectar estas realidades", destaca Renda desta iniciativa formativa, que a Deputación de Pontevedra promove anualmente desde 2017.

O curso busca sensibilizar aos futuros profesionais desta rama sanitaria, na que os estudantes son maioritariamente mulleres, ata nun 80%.

Detectar a violencia machista de maneira temperá é "fundamental", segundo a experta que dirixe esta iniciativa, que incide en que moitas veces as vítimas "non son conscientes de cal é a causa do malestar que teñen e ten que ser a profesional a que faga as preguntas adecuadas" para identificar os seus síntomas como un posible caso de violencia.