As grandes adegas apostan por un Salnés libre de produtos químicos co uso de feromonas

O Salnés
10 de febreiro 2025
Actualizado: 16:37

Desde o ano 2019 foron implementado a técnica de confusión sexual mediante a colocación de difusores de feromonas específicas no viñedo

Control de polilla con confusión sexual
Control de polilla con confusión sexual / Bodegas Martín Códax

As grandes cooperativas vitivinícolas do Salnés decidiron estender a recomendación do uso de feromonas para o control biolóxico da polilla do acio a todos os seus socios.

Adegas Martín Códax, Condes de Albarei e Paco e Lola, involúcranse nesta iniciativa que forma parte do Proxecto Colaborativo de Feromonas, cuxo obxectivo é reducir progresivamente o uso de produtos químicos nos viñedos da comarca.

Desde o ano 2019 foron implementado a técnica de confusión sexual mediante a colocación de difusores de feromonas específicas no viñedo. Este método impide a reprodución da polilla, evitando a posta de ovos e, en consecuencia, o dano na uva.

Para a súa efectividade é necesario que se apliquen en áreas de polo menos 2 ou 3 hectáreas continuas de viñedo. Por iso, en 2019 comezou un esforzo conxunto para dinamizar zonas contiguas e maximizar o impacto do tratamento.

Ao longo dos anos, este proxecto foi crecendo, permitindo que Adegas Martín Códax pasase de 20 hectáreas iniciais a 113 hectáreas protexidas con esta técnica en 2023. Agora, xunto a Condes de Albarei e Paco e Lola, dáse un paso máis na aposta pola sustentabilidade ao recomendar de maneira xeneralizada o uso de feromonas en toda a superficie de viñedos dos socios.

A meta final é transformar o Salnés nunha zona libre de aplicación de produtos químicos para o control da polilla do acio, promovendo un modelo de viticultura respectuoso co medioambiente.

Para informar os socios e viticultores interesados, este luns tivo lugar unha charla técnica en Cambados onde se expuxeron os detalles do método, os resultados obtidos até agora e os obxectivos da campaña actual.

Ademais, os viticultores destas cooperativas tamén contarán con sesións formativas ao longo destes días, nas que se explicarán en detalle os beneficios e a aplicación desta técnica nos seus viñedos.