As hospitalizacións de persoas positivas en covid baixan a 26 na área sanitaria, con 8 pacientes na UCI

Pontevedra
13 de marzo 2021

Aínda que a cifra total de hospitalizados en menor á do venres, increméntase nunha persoa a ocupación da Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo. Os casos activos en Pontevedra e O Salnés son este sábado 13 de marzo de 306, o que supón 37 menos que a xornada anterior 

Urxencias do Hospital de Montecelo
Urxencias do Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta ao 13 de marzo con 306 casos activos de covid, segundo a actualización de datos realizada ás 10.00 horas deste sábado por parte do Servizo  Galego de Saúde.

Esta cifra supón un descenso de 37 casos con respecto ao venres, debido a que unha xornada máis as altas epidemiolóxicas (54) superaron aos novos  contagios por coronavirus detectados (17).

No que respecta a a presión hospitalaria, descende con 3 persoas menos ingresadas para un total de 26, aínda que dentro desa baixada total escóndese unha lixeira subida na ocupación da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de Montecelo, onde evolucionan 8 pacientes, un máis que a xornada anterior. O resto de hospitalizados evolucionan en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario de Pontevedra (12) e o Hospital do Salnés (6).

Desde o inicio da pandemia superaron a infección 12.078 persoas na área pontevedresa, rexistrándose 159 falecementos de persoas positivas por covid.

DATOS DE GALICIA

A nivel autonómico o número de casos activos de coronavirus sitúase nos 2.854, o que supón 77 menos que 24 horas antes. Deles 245 atópanse ingresados nunha planta hospitalaria (12 menos) e 78 evolucionan na UCI (5 máis).

Ata a data en Galicia contabilizáronse 2.289 falecidos pola pandemia, tras sumar unha morte máis na última xornada.