As instalacións municipais de Poio contarán cun protocolo unificado de medidas para o seu uso

Poio
26 de agosto 2020

Silvia Díaz, concelleira de Participación Veciñal, reunirase proximamente coas asociacións e colectivos locais para abordar as medidas que garantan a correcta utilización das dependencias á hora de organizar cursos e iniciativas sociais

Reunión para estudar un protocolo unitario para usos municipais en Poio
Reunión para estudar un protocolo unitario para usos municipais en Poio / Concello de Poio

Coa intención de que non se paralicen as actividades sociais e os cursos que organizan os diferentes colectivos do municipio, o Concello de Poio quere elaborar un protocolo que permita o desenvolvemento destas accións atendendo a todas as medidas establecidas polas autoridades sanitarias ante a Covid-19.

Crearase un protocolo unificado de uso das instalacións municipais, segundo manifestou a concelleira de Participación Veciñal Silvia Díaz na reunión mantida este mércores no salón de plenos do  Concello de Poio coas concelleiras responsables de Benestar Social e Mocidade e de Cultura e Educación, Rosa Fernández e Raquel Rodríguez, ademais de persoal técnico municipal.

Nesta reunión acordábase convocar aos colectivos que organizan talleres e actividades sociais nas instalacións municipais para avaliar a previsión de programación de actos para o inicio do curso e ata o próximo verán.

DEVOLUCIÓN DE COTAS

Tamén a concellería de  igualdade mantén a devolución das cobranzas das actividades que se suspenderon no mes de marzo con motivo da entrada en vigor do estado de alarma.

Trátase dos talleres de  pilates e de ioga, dúas actividades que se ofreceron posteriormente por vía telemática, a través de vídeos online ou enviando material  as os domicilios das persoas maiores que estaban matriculadas no programa  Saudemente.

No caso dos talleres de Igualdade recibíronse 31 reclamacións do pago pero hai casos en que as usuarias se atopan á espera do inicio do novo curso para compensar o pago da metade do mes de marzo coa metade da primeira cota de outubro.