O Concello de Caldas de Reis acolleu a cuarta edición das xornadas ambientais de turismo sostible no Camiño Portugués. Unha cita complementada cun curso sobre saúde ambiental. A través de plataformas virtuais como consecuencia da pandemia da covid-19, o evento contou coa participación de expertos de recoñecido prestixio no ámbito das ciencias ambientais e o turismo, así como 70 participantes procedentes de toda España e doutros países.
Os efectos da pandemia e o seu impacto na crise climática e no turismo tiveron unha especial relevancia entre os temas abordados polos relatores. Tampouco faltaron reflexións sobre un novo modelo económico máis verde e sobre a contribución do Camiño de Santiago ao desenvolvemento e consolidación dun modelo turístico sostible.
Na súa conferencia, o director do evento, Francisco Pena, puxo de manifesto a estreita relación existente entre a orixe de novos patógenos como o Sars- Cov-2 e a degradación ambiental. Neste sentido, o profesor recalcou que as enfermidades infecciosas constitúen unha das principais ameazas para a humanidade neste século XXI. As leccións aprendidas despois da pandemia, a economía verde ou o patrimonio natural do Camiño foron outros temas tocados polos relatores.