O Entroido de Cobres xa está aquí. O inicio oficial das celebracións será este sábado 22 de febreiro cun percorrido no que as Madamas e Galáns chegarán a todos os barrios.
Madamas e Galáns encabezarán unha comitiva do Entroido que iniciarán un percorrido polo municipio ás 11.00 horas. As primeiras paradas serán Santa Marta de Bértola e a Praza o Alcouce en Figueirido.
A partir das 13.00 horas estarán en Postemirón e, pola tarde, danzantes e músicos trasladaranse ás 16.00 horas á estrada vella de Paredes e ás 17.00 ás Salinas de Ulló.
Un código QR, ao que se accede desde a web entroidodecobres.es, facilitará a localización en tempo real das madamas e galáns, favorecendo así integrarse na programación.
A mesma páxina web ofrece información da oferta de restauración en Vilaboa. Restaurantes, tascas, furanchos, cafeterías e taperías son unha opción ideal para descubrir a gastronomía local ao son do Entroido.
A asociación cultural Cobres, organizadora do Entroido coa colaboración do Concello, destaca o arraigo popular que esta festa ten en Vilaboa e especialmente en San Adrián e en Santa Cristina.
Sara Gómez e Rafa Malvar, parella de baile como madama e galán, destacan que os seus traxes teñen un “valor sentimental incalculable”. A ela o primeiro prestáronllo e despois conseguiu un propio, que cada ano vai modificando, mellorando e personalizando.
Unha singularidade dos traxes do Entroido de Cobres é non hai dous iguais ainda que todos cumpren os mesmos parámetros estéticos.
O de galán é un traxe máis sinxelo, con menos lazos e brillos que Rafa Malvar quixo personalizar cun pavo real e unha bolboreta no sombreiro e uns lazos co ano 2015, momento no que comezou a bailar, e outro co seu nome.