En Marea segue engadindo mareas locais ao protocolo de colaboración que busca asinar coas candidaturas de confluencia de toda Galicia, de cara as eleccións municipais de 2019. Tras Culleredo e Pontevedra, as primeiras en rubricarse, foi a quenda de Somos EM Sanxenxo, En Marea Ponte Caldelas e Somos Cambados.
O acto da sinatura, ao que se achegaron representantes doutros concellos e localidades do país, foi levado a cabo pola vicevoceira de En Marea Ana Seijas, e os voceiros de Cambados, Sanxenxo e Ponte Caldelas, Tino Cordal, Mari Camiña e Roi Márquez, respectivamente. Tamén estivo no evento o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares.
Seijas explicou que é unha sinatura de tres mareas municipais, "mareas diversas, de costa, de interior", algunhas delas preexistentes a En Marea que levan traballando xa desde o 2015.
É o caso, explicou, de Somos Cambados que forma parte do goberno da localidade; ou das mareas de Sanxenxo e Ponte Caldelas, que xurdiron no último ano e que aínda que non teñen representación institucional, "forman parte do noso espazo político e confían nos mesmos principios e na mesma ética que compartimos En Marea e as mareas municipais".
Pola súa banda, Tino Cordal deixou claro que aínda que xa están no goberno de Cambados, "mantemos os mesmos obxectivos que tiñamos cando chegamos: igualdade e rematar coas xerarquías", ao entender que a unidade popular "é a unidade sen etiquetas e onde todos somos iguais".
Na mesma liña posicionouse Mari Camiña, que considera que a sinatura deste acordo supón para Somos EM Sanxenxo "seguir o camiño iniciado hai un ano para unirnos e botarnos unha man" na busca dun espazo "integrador" que permita mudar un concello como Sanxenxo "gobernado a golpe de catastrazo".
Roi Márquez, de En Marea Ponte Caldelas, incidiu en que a rúbrica do protocolo, aprobado polo plenario, supón "poñer a primeira pedra para rematar coas políticas do PP e devolverlle as institucións á xente". Engadiu que dende o seu nacemento, "traballamos para apoiar á veciñanza e que se sintan arroupados por nós nas súas inquedanzas".