As masas forestais xestionadas por Ence contribúen á retirada de 229.500 toneladas de CO2

Pontevedra
15 de decembro 2021

A compañía Ence realizou unha profunda análise sobre os montes que xestiona, con resultados validados recentemente por unha entidade independente. Neste estudo constatouse un balance neto positivo de carbono destas masas forestais

Fraga de eucaliptos
Fraga de eucaliptos / Ence

A compañía Ence realizou unha profunda análise sobre os montes que xestiona. Neste estudo constatouse un balance neto positivo de carbono destas masas forestais. Este balance anual neto positivo de carbono, calculado ao longo do pasado ano e validado por unha entidade independente, implica que, durante o período de estudo, os montes xestionados por Ence retiraron máis carbono da atmosfera, mediante a captación de moléculas de CO2, do que se extraeu desas masas forestais en forma de madeira e biomasa.

229.500 toneladas de CO2 equivalen ás emisións de gases de efecto invernadoiro que emiten de media ao ano 170.000 coches particulares

En concreto, as masas forestais xestionadas pola compañía alcanzaron un balance neto positivo de captura de carbono de máis de 62.600 toneladas o pasado ano. Isto supón que os montes que xestiona Ence propician cada ano a retirada da atmosfera de máis de 229.500 toneladas de CO2, unha cantidade equivalente ás emisións de gases de efecto invernadoiro que emiten de media ao ano 170.000 coches particulares.

En total, estudáronse 44.345 hectáreas de masas forestais destinadas á subministración de madeira e biomasa, que supoñen o 71% da superficie neta total xestionada por Ence. O resto de superficies, que se distribúen en diferentes usos produtivos e de conservación, non se tivo en conta para esta primeira análise, ao non dispoñer polo momento dos datos necesarios.

A BIOMASA CONTRIBÚE Á DESCARBONIZACIÓN

Ence é a primeira empresa española en produción de enerxía renovable con biomasa agroforestal. A biomasa é unha fonte de enerxía renovable e xestionable, que conta cun gran potencial de desenvolvemento, ademais de posuír grandes vantaxes ambientais, de redución de emisións e de contribución á transición cara a un modelo enerxético baixo en carbono.

A xeración eléctrica renovable a partir de biomasa, neutra en carbono, é un aliado esencial para afrontar a crise climática, aproveitando os recursos cos que conta o territorio.

A compañía mantén un decidido compromiso coa acción polo clima e contribúe á mitigación do cambio climático, mediante a diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas da súa actividade, e axudando a descarbonizar o sistema eléctrico a través da xeración de enerxía renovable nas súas plantas de biomasa e nas súas  biofábricas de Pontevedra e de Navia-Asturias, excedentarias en enerxía renovable.

Neste sentido, cabe destacar que Ence se converteu na primeira empresa de Europa en iniciar o proceso de certificación da sustentabilidade da biomasa que consome en todas as súas instalacións, mediante o esquema de verificación SURE.

A auditoría deste sistema certificación levouse a cabo pola entidade CEGANOR, a única empresa española recoñecida e autorizada para levar a cabo o proceso de verificación e que opera en 31 países.