As máscaras serán obrigatorias en discotecas e locais de lecer nocturno

Pontevedra
25 de xuño 2020

Este será un dos requisitos que impoñerá a Xunta de Galicia para a volta á actividade do sector, pero non o único. Os clientes deberán deixar o seu número de teléfono aos responsables do local, para que poidan ser localizados no caso de que haxa rebrote. "Se unha persoa quere ir tomar unha copa sen máscara, recoméndolle que non vaia", dixo Alberto Núñez Feijóo

Xente nun pub
Xente nun pub / Niek Verlaan / Pixabay

As discotecas poderán reabrir en Galicia a partir do próximo 1 de xullo. Iso si, cuns estritos protocolos de seguridade pola COVID-19. Así, para poder acceder aos locais de lecer nocturno será obrigatorio o uso de máscaras de protección.

Este será un dos requisitos que impoñerá a Xunta de Galicia para a volta á actividade do sector, pero non o único. Os clientes deberán deixar o seu número de teléfono aos responsables do local, para que poidan ser localizados no caso de que haxa rebrote.

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou ademais que "en calquera instante" poderá haber inspeccións por parte das autoridades, incluídos os distintos corpos de seguridade, para verificar que se cumpren coas medidas decretadas

O aforo permitido para estes locais será de dous terzos, segundo confirmou Núñez Feijóo, que explicou que non haberá "excepcións" para estas restricións, ao considerarse unha actividade de "alto risco" no que o cumprimento das normas "ten que ser estrito".

"Se unha persoa quere ir tomar unha copa sen máscara, recoméndolle que non vaia. Mentres bebe non, pero cando non estea a beber, cando baile, será obrigatoria", dixo o presidente da Xunta, que sinalou que haberá unha "especial vixilancia" sobre o comportamento nestes locais.

No caso de que o sector non cumpra con estas condicións, a Xunta advirte que anulará esta orde e volveranse a pechar os establecementos de lecer nocturno.

Iso si, Alberto Núñez Feijóo asegurou que os botellóns son máis perigosos e "preocúpanme moito máis" que as festas en "locais controlados". Por iso é polo que apelase á "responsabilidade" dos galegos para evitar que se produzan rebrotes por incumprir o distanciamento social.