As mesas contra a violencia de xénero de 26 concellos intercambian boas prácticas

Pontevedra
31 de marzo 2017

As mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero de 26 concellos da provincia e da Mancomunidade do Salnés activáronse este venres a través dunha reunión na delegación territorial da Xunta

Encontro para a activación das mesas locais de loita contra a violencia de xénero en Pontevedra
Encontro para a activación das mesas locais de loita contra a violencia de xénero en Pontevedra / Xunta de Galicia

As mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero de 26 concellos da provincia e da Mancomunidade do Salnés activáronse este venres a través dunha reunión para o intercambio de boas prácticas celebrada na delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra. 

Segundo informou a administración autonómica a través dun comunicado, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu o encontro, co que a Xunta busca seguir avanzando na definición dun modelo de traballo práctico e eficaz para as mesas locais. 

Estes traballos arrancaron en 2015 coa publicación e divulgación da guía práctica para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero (MLC), unha ferramenta de apoio que contribúe á mellora da coordinación entre todas as institucións que traballan en contra da violencia machista.

Xa en 2016 a Xunta iniciou a segunda fase deste proxecto. Avanzou na busca de modelos e ferramentas de traballo conxunto para as mesas locais e fortaleceu a colaboración institucional a través da rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

Os traballos comezaron no último trimestre do ano pasado, cunha diagnose global sobre a situación das mesas e continúan agora, con esta serie de encontros de intercambio de boas prácticas.