As mestras, homenaxeadas en Marín no Día da Muller

Marín
08 de marzo 2016

O día 8 de marzo, na praza do mesmo nome, a alcaldesa de Marín, xunto con diversas autoridades, participou no acto de homenaxe ás mestras como transmisoras do noso legado cultural

Homenaxe as mestras en Marín polo Día da Muller
Homenaxe as mestras en Marín polo Día da Muller / Concello de Marín

Este ano o Consello Municipal da Muller decidiu por unanimidade dedicar o Día Internacional da Muller ao labor que desenvolveron as mestras como transmisoras do noso legado cultural, a pesar da dificultade que supoñía ser unha muller nunha sociedade marcadamente masculina.

Na praza 8 de marzo, a alcaldesa de Marín, xunto coa concelleira de Benestar Social, e representantes de todos os partidos políticos, E.N.M, Autoridade Portuaria, Capitanía Marítima, Policía Nacional e Policía Local, participaron no acto de homenaxe ás mestras que estiveron representadas por Carmela Castro Mariño, Marián Fariña, María Jesús Ariz, profesoras xubiladas; María del Mar Ávila, profesora en activo e Marta Piñeiro Otero, estudiosa do papel cultural da poboación evanxélica en Marín.

"No século XVIII, apenas o 1% da poboación feminina sabía ler ou escribir. A educación era un privilexio vetado á muller. Os nenos ricos tiñan un titor e as nenas unha institutriz que as ensinaba para o seu futuro papel de esposas e nais. As mestras foron mulleres innovadoras, moitas foron viaxeiras incansables, pasaron por distintas escolas ata chegar a Marín. Outras moitas, fóronse deste municipio para ensinar noutros lugares", segundo explica o Concello de Marín.

Pola tarde, no museo Manuel Torres, tivo lugar a visita guiada a cargo da artista marinense Celeste Garrido e unha charla-coloquio "Educar na viaxe pola vida: As nosas mestras", impartida por María José Méndez Lois.

María José Méndez Lois é doutora no departamento de métodos de investigación e diagnóstico en educación da Universidade de Santiago de Compostela. As liñas de investigación nas que traballa céntranse na igualdade de oportunidades en educación, na formación e a orientación académico profesional.