As murgas, protagonistas no Entroido "reformulado" da Lama

A Lama
22 de febreiro 2022

Aínda que a situación da pandemia é mellor que en semanas anteriores, A Lama decidiu "reformular" o seu Entroido e prescindir co tradicional desfile, debido á imposibilidade de contar coa participación das comparsas que acudían cada ano

Desfile do Entroido 2020 na Lama
Desfile do Entroido 2020 na Lama

Aínda que a situación da pandemia é mellor que en semanas anteriores, A Lama decidiu "reformular" o seu Entroido e prescindir co tradicional desfile, debido á imposibilidade de contar coa participación das comparsas que acudían cada ano.

Así, o programa de festas deste ano estará centrado na música e o humor do festival de murgas, o baile de disfraces, unha gran chocolatada con churros e as actividades infantís como elementos clave.

O Entroido festexarase o vindeiro venres 4 de marzo na Alameda, onde o Concello instalará unha carpa xigante que dará acubillo ás distintas actividades programadas.

A primeira delas estará dedicada aos máis pequenos da casa que terán animación infantil a partir das 18 horas a cargo do grupo Os Ilusionistas, de Ponte Caldelas.

A partir das 20 horas terá lugar o festival de murgas protagonizado pola Murga do Naveiro, Os do Val do Lérez e Equipo Ja, grupos moi coñecidos e habituais do entroido pontevedrés formando parte dos festexos na capital da provincia.

Despois das murgas, haberá na Alameda gran chocolatada con churros e un Baile de Entroido amenizado polo dúo Prisma, que será o encargado de dinamizar o concurso de disfraces individual e de parella que se desenvolverá ao longo do evento.

Os gañadores nas categorías de individual e parella recibirán unha estatuíña do Conde Cabanelas, natural de Covelo da Lama e impulsor da saída á rúa do mítico Carnaval de Río de Janeiro e persoa á que se honra desde o Concello cando se realizan este tipo de actividades.