As novas papeleiras de Combarro serán máis ecolóxicas

Pontevedra
08 de xuño 2022

O Concello de Poio iniciará a renovación dos colectores do centro histórico da vila, algo que xa fixo no paseo e praia de Lourido

O Concello de Poio revisa e substitúe as papeleiras en diversas localidades do municipio
O Concello de Poio revisa e substitúe as papeleiras en diversas localidades do municipio / Concello de Poio

O Concello de Poio procederá á substitución das papeleiras do casco histórico de Combarro. Segundo explica o concelleiro Julio Casás, o emblemático núcleo da vila pasará a contar cunha serie de novos recipientes máis ecolóxicos e de carácter reciclable. "Ademais de continuar apostando pola renovación do mobiliario, tamén consolidamos a nosa aposta pola sustentabilidade”, recalca o edil.

Desde o departamento de Servizos Municipais xa levan varias semanas traballando na revisión, reparación e substitución de papeleiras en diferentes puntos do municipio. Hai unhas semanas procedeuse, precisamente, á renovación dos recipientes situados ao longo do paseo de Lourido, así como nas inmediacións da praia.

O concelleiro socialista sinala que, se ben os operarios municipais pasan revista de xeito periódico ao mobiliario, “a colaboración da cidadanía é moi importante e agradecémola profundamente”, polo que anima á veciñanza a utilizar a ferramenta Liña Verde para avisar ao Concello en caso de detectar algún desperfecto.

Con respecto á actuación a desenvolver no casco histórico de Combarro, Julio Casás incide na importancia de que efectuar estas tarefas antes da chegada da tempada estival. “Somos conscientes de que Combarro é un dos grandes referentes turísticos de Galicia, polo que traballamos para mantelo nas mellores condicións”, sinala. Precisamente, está previsto tamén que a vindeira semana a empresa responsable do tratamento do lixo, Valoriza, proceda a realizar unha limpeza específica e baldeo das rúas deste enclave.