As obras da nova praza diante do Provincial, en marcha a partir do luns

Pontevedra
03 de outubro 2015

Os primeiros traballos que realizará Covsa, a empresa que logrou adxudicarse este proxecto valorado en 335.429,30 euros, serán as melloras ofertadas na licitación e que afectarán ás rúas Loureiro Crespo, entre Casimiro Gómez e Antón Fraguas, e a propia Casimiro Gómez, nas que se renovará a pavimentación, iluminación, beirarrúas e mobiliario urbano

Rúa Loureiro Crespo diante do Hospital Provincial
Rúa Loureiro Crespo diante do Hospital Provincial / Cristina Saiz

Unha nova zona da cidade entra en fase de obras. Trátase, concretamente, do ámbito do Hospital Provincial. A próxima semana comezarán os traballos para habilitar unha praza pública diante da fachada principal, na rúa Loureiro Crespo.

Os primeiros traballos que realizará Covsa, a empresa que logrou adxudicarse este proxecto valorado en 335.429,30 euros, serán as melloras ofertadas na licitación e que afectarán ás rúas Loureiro Crespo, entre Casimiro Gómez e Antón Fraguas, e a propia Casimiro Gómez, nas que se renovará a pavimentación, iluminación, beirarrúas e mobiliario urbano.

As obras obrigan a poñer en marcha operativos de limitación do aparcamento e reordenación do tráfico: os días 5 e 6 de outubro, na rúa Loureiro Crespo (onde non se poderá aparcar desde o luns ás oito da mañá) e os días 7 e 8 de outubro, en Casimiro Gómez (que terá o estacionamento restrinxido desde o martes ás nove da mañá).

O plan de traballo para a construción do novo espazo público estará coordinado co CHOP coa fin de xerar as menores molestias aos enfermos e non interferir na actividade asistencial do Hospital Provincial.

A reforma prevista diante do Provincial abarca desde a rúa Cobián Areal ata a entrada das Urxencias do hospital. Crearase unha praza pública de 1.200 metros cadrados que disporá de mobiliario urbano e de árbores para tratar de crear zonas de sombra. Construirase unha plataforma única con diferentes pavimentos: formigón, granito e lousa.

Toda a intervención leva unha reorganización da mobilidade deste ámbito. Dado que a nova praza será peonil, prohibirase o acceso rodado pola zona, agás para garaxes. Permitirase o acceso dende a rotonda de Doce de Novembro ata a rúa Antón Fraguas e as Urxencias do hospital, que ata o de agora está prohibido.

A reordenación afectará, por outra banda, aos tráficos da rúa Casimiro Gómez, Victor Cervera Mercadillo ou a travesía da Eiriña, que tamén desembocan en Loureiro Crespo.