As obras da nova senda de Alba a San Caetano obrigan a pechar a estrada PO-225 a partir do mércores 12

Pontevedra
09 de agosto 2020

Este peche da circulación é preciso para permitir o avance nos traballos e para garantir a seguridade de peregrinos, veciños e usuarios da vía. Permitirá o acceso a residentes e locais comerciais, polo que a circulación quedará limitada aos veciños e ao tráfico pesado cara ás industrias existentes na zona

Proxecto da senda peonil entre Alba e San Caetano
Proxecto da senda peonil entre Alba e San Caetano / Xunta de Galicia

As obras para a execución da nova senda peonil entre Alba e San Caetano fará necesario o corte da estrada PO-225 a partir do vindeiro mércores 12 de agosto.

Segundo deu a coñecer este domingo a Xunta de Galicia, este peche da circulación é preciso para permitir o avance nos traballos e para garantir a seguridade de peregrinos, veciños e usuarios da vía.

O citado peche estará axeitadamente sinalizado para facilitar a mobilidade nesta contorna e permitirá o acceso a residentes e locais comerciais, polo que a circulación quedará limitada aos veciños da zona e ao tráfico pesado cara ás industrias existentes.

Así, será posible utilizar parte dun carril para o tránsito de peóns e peregrinos e outro carril e medio, coa oportuna regulación, para a circulación do resto de vehículos.

A construción deste itinerario peonil suporá un investimento próximo aos 640.000 euros. Construirase unha senda duns 600 metros no treito da estrada PO-225, que conecta as poboacións de Alba e San Caetano e as empresas situadas na zona, e que que coincide coa traza do Camiño de Santiago Portugués.

Esta intervención ten por finalidade incrementar a seguridade de veciños e dos peregrinos nos seus desprazamentos polo Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Alba e San Caetano.

O obxectivo da Xunta é ter finalizados os traballos este mesmo ano e que a senda estea lista para ser empregada polos peregrinos que acudan a Compostela no Xacobeo 2021.