As obras da Praza do Pazo toman vacacións ata setembro

Sanxenxo
26 de xullo 2023

Segundo indica o Concello de Sanxenxo, os traballos de humanización van suspenderse este venres 28, pendentes dos remates de accesos que afectan a propiedades privadas e parte do xardín

Imaxe do proxecto de reforma da Praza do Pazo
Imaxe do proxecto de reforma da Praza do Pazo / Concello de Sanxenxo

Este venres 28 pararán as obras de humanización que se acometen na Praza do Pazo de Sanxenxo. Os traballos retomaranse o venres 1 de setembro.

Segundo informa o Concello de Sanxenxo, esta obra queda pendente dos remates de accesos que afectan a propietarios privados cos que se está acordando a mellor alternativa e de parte do axardinamento da zona.

Os problemas de subministración de material no sector da construción e os efectos da folga do metal durante o último mes provocaron unha alteración nos prazos previstos de finalización da obra, segundo informa o goberno local.

A suspensión dos traballos non afectará os peóns que terán acceso á praza e o Concello garante a actividade comercial e hostaleira neste punto do municipio.

O custo desta intervención é de 672.873 euros, financiada con fondos municipais. A obra, que afecta a 2.371 metros cadrados, céntrase en crear dúas plataformas horizontais de zonas verdes e outras dúas, en pavimento de pedra que se unirán con percorridos accesibles para potenciar a actividade social e comercial.

A Praza do Pazo converterase tamén nun espazo polivalente con capacidade para 1.350 persoas, ao contemplarse a realización de espectáculos ao aire libre na plataforma de maior tamaño. A escaleira de acceso principal desde a Rúa Madrid inclúe tres zonas máis elevadas, con formas de bancadas, con acabado en madeira.

Está previsto plantar árbores de folla caduca e a instalación de dez chorros de auga a modo de fonte. Tamén se crearán 15 luminarias de modelos diferentes para mellorar a visibilidade nocturna e seis bancos.