As obras da residencia de maiores e centro de día de Carballedo, a un paso de poder comezar

Cerdedo Cotobade
28 de setembro 2023

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, confirmou este xoves que a empresa Coviastec, concesionaria das obras de construción e xestión da residencia de maiores e centro de día de Carballedo, presentou en tempo e forma no Concello o proxecto básico e de execución para a súa supervisión e a correspondentes obtención de licenzas

Jorge Cubela, coa documentación do proxecto de construción da resindencia de maiores da Chan
Jorge Cubela, coa documentación do proxecto de construción da resindencia de maiores da Chan / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, confirmou este xoves que a empresa Coviastec, concesionaria das obras de construción e xestión da residencia de maiores e centro de día de Carballedo, presentou en tempo e forma no Concello o proxecto básico e de execución para a súa supervisión e a correspondentes obtención de licenzas.

Isto supón un paso definitivo cara ao inicio das obras, posto que unha vez cumprimentados todos os trámites administrativos e asinado o contrato de obra e servizo a empresa terá un prazo máximo de 14 meses para levantar o edificio e poñer en marcha estas instalacións dedicadas ao coidado de persoas maiores que se construirá no lugar da Chan.

O seguinte e último trámite de feito será que a documentación presentada sexa convintemente informada polos técnicos de supervisión e inspección municipal, e de aí levarase ao Pleno Municipal para a súa aprobación definitiva. Sería xa a continuación cando se asinaría a acta de reformulo e o inicio das obras dun proxecto moi esperado, e que supoñerá un investimento próximo aos 5 millóns de euros.

Está previsto que esta infraestrutura poida servizo a uns 59 beneficiarios, con aproximadamente unha vintena de postos de traballo directos, mentres que o centro de día acollerá a un total de 25 usuarios.