As obras da Rolda Leste comezarán en febreiro

Pontevedra
26 de decembro 2015

A Xunta de Goberno da institución provincial aprobará este luns 28 de decembro a adxudicación dos traballos para a súa construción á empresa Elsan, do grupo OHL. En total, os redactores do proxecto calculan, en base aos vehículos que utilizaban a rúa das Pereiras e a rúa das Olivas, que a Rolda Leste terá unha intensidade media diaria de 5.000 vehículos

Xunta de goberno da Deputación
Xunta de goberno da Deputación / Cristina Saiz

Dous anos despois da sinatura do convenio entre o Concello e a Deputación, a Rolda Leste está moi próxima de ser unha realidade. A Xunta de Goberno da institución provincial aprobará este luns 28 de decembro a adxudicación dos traballos para a súa construción á empresa Elsan, do grupo OHL. Así o avanza, mediante un comunicado, o vicepresidente César Mosquera.

Durante o mes de xaneiro formalizarase o contrato coa firma, que deberá presentar o aval e facer a acta de reformulado da obra. Unha vez se completen todos estes trámites, será en febreiro cando comecen os traballos na zona.

A vía de acceso á cidade infantil Príncipe Felipe e o Hospital Montecelo dende a estrada O Pino-Bora (PO-542) no lugar do Marco está incluída no convenio asinado no ano 2013 entre o goberno local capitalino e o provincial.

Pretendíase que a nova estrada servise para substituír o atallo que actualmente se emprega a través das rúas das Pereiras, as Olivas e Ángel Limeses, "claramente insuficientes e non destinadas a soportar o tráfico actual", segundo sinalou o vicepresidente Mosquera. 

No mencionado convenio establécese que a nova infraestruturas terá unha dobre finalidade: dun lado o acceso ao complexo asistencial e doutro a mellora da mobilidade na zona leste da cidade, podendo integrarse no futuro como parte da rolda urbana. O acordo establecía que o financiamento ascendería a 2,4 millóns de euros, dos que a Deputación achega 900.000 euros. 

A actuación consiste na execución dunha vía dunha lonxitude de 970 metros cunha única calzada e dous carrís de circulación (de 3,50 metros cada un), con beiravías dun metro máis unha berma de 0,75 metros, así como unha senda peonil para ciclistas e peóns de catro metros de largo. Esta pretende "dar resposta á necesidade de continuidade aos tránsitos peonís e ciclistas da contorna e garantir súa accesibilidade", en palabras do vicepresidente.

O trazado iniciarase na glorieta existente construída recentemente na PO-542 dentro da obra de desdobramento da estrada O Pino-Bora. A partir de aí a nova vía tomará dirección nordés e, ascendendo cunha pendente máxima do 8,5%, alcanzará a estrada provincial, na que se levantará unha nova rotonda. A partir dela a pendente suavizarase, discorrendo por unha zona de vaguada, ata finalizar nunha terceira glorieta, que se construirá sobre a estrada PO-532 nas proximidades do acceso actual ao complexo Príncipe Felipe e Hospital Montecelo. Este entronque modificarase para realizar a nova conexión.

En base aos vehículos que utilizaban a rúa das Pereiras e a rúa das Olivas, que a Rolda Leste terá unha intensidade media diaria de 5.000 vehículos

As seccións tipo que se proxectan para as glorietas da EP-0003 e da PO-532 constan dunha calzada con dous carrís de 4,5 metros cada un e beiravías dun metro. A primeira presenta un diámetro exterior de 42 metros, mentres que a segunda, que consta de catro accesos e deixa previsto un quinto para a prolongación da Rolda Leste, dispón dun diámetro exterior de 50 metros.  

5.000 VEHÍCULOS DIARIOS

En total, os redactores do proxecto calculan, en base aos vehículos que utilizaban a rúa das Pereiras e a rúa das Olivas, que a Rolda Leste terá unha intensidade media diaria de 5.000 vehículos, pero cunha diferenza moi marcada en función da dirección. Así, no tramo entre dende O Pino-Bora cara a Montecelo estímase un tránsito diario de máis de 3.700 vehículos, mentres que na dirección contraria estímase un tráfico duns 1.200 vehículos. 

En canto ao tráfico pesado, o estudio realizado determinou que o tránsito era inferior a 25 vehículos de grandes dimensións ao día, se ben considerouse que "dadas as favorables características xeométricas da Rolda Leste estas permitirían incrementar a circulación de vehículos pesados evitando as angostas vías da zona".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en