As obras para construír a Rolda Leste de Pontevedra veñen de espertar o interese de 21 empresas de ámbito galego e estatal.
O servizo de Mobilidade da Deputación provincial analizará nas vindeiras semanas toda a documentación técnica presentada polas firmas para poder puntuar as propostas. A execución dos traballos está valorada en máis de dous millóns de euros e teñen que estar executados en nove meses.
A mesa de contratación da Deputación abriu o pasado venres os "sobres A" cos datos técnicos. En total foron 21 propostas, entre as 13 firmas individuais e as que presentaron as oito unións temporais de empresas que se asociaron para poder presentarse ao concurso provincial.
Para a valoración das proposicións e a determinación da oferta economicamente máis vantaxosa os técnicos atenderán ao programa e equipo de traballo (ata un máximo de 15 puntos), plan de control de calidade (ata un máximo de 15 puntos), memoria de traballo (ata un máximo de 10 puntos) e ao plan de actuacións ambientais (ata un máximo de 5 puntos).
Posteriormente abrirase o "sobre C", que valorará o menor prezo ofertado (ata 55 puntos).
Estímase que a escolla da empresa estará finalizada no mes de marzo para que as obras se poidan rematar neste mesmo exercicio.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.