As obras da segunda fase do proxecto da Vía Verde do Salnés comezarán a mediados de marzo

Umia
22 de febreiro 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Portas asinaron este venres o convenio de colaboración que prevé un orzamento de case 200.000 euros

Sinatura do convenio para a posta en marcha da segunda fase das obras da Vía Verde do Salnés
Sinatura do convenio para a posta en marcha da segunda fase das obras da Vía Verde do Salnés / Xunta de Galicia

As obras da segunda fase do proxecto da Vía Verde do Salnés comezarán a mediados do vindeiro mes, tras formalizar a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e os concellos de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas.

A conselleira e os alcaldes asinaron este venres o convenio de colaboración, polo cal o Goberno galego dispón íntegramente case 200.000 euros para a execución destes traballos.

A actuación consistirá na execución da segunda fase construtiva do acondicionamento dun tramo do antigo trazado de ferrocarril Pontevedra-Carril-Santiago de Compostela para o seu uso como vía verde. Trátase de intervir nun tramo do trazo do ferrocarril entre Vilagarcía de Arousa e a Estación de Portas, que quedara en desuso coa posta en funcionamento do Eixo Atlántico de Alta Velocidade entre ambas localidades.

Concretamente, o treito en cuestión ten unha lonxitude total de 9.195 metros que discorren a través dos termos municipais de Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas.

Tal e como explicou a conselleira, procederase á sinalización para a identificación do recorrido, así como a sinalización prohibitiva e normativa; o que implica o deseño, elaboración e colocación de carteleiras con tellado, carteis de información xeral e direccionais, catro mesas temáticas, carteis para sinais preventivas, así como fitos quilométricos e diversa carteleira de contextualización ferroviaria.

Tamén se instalarán equipamentos complementarios coa colocación de seis mesas de picnic, sete bancos de madeira e quince aparcabicis de catro prazas; para que os veciños e turistas poidan gozar desta zona.

Outros traballos destacados son o acondicionamento de pontes e outras estruturas, polo que se retirarán as vías, proteccións e demais estrutura auxiliar e procederase a unha limpeza da estrutura con reparación do deteriorado e repintado, e por último colocarase unha tarima de madeira duns seis centímetros, así como novas proteccións laterais.

As previsións son iniciar pola rehabilitación da ponte de ferro sobre o río Umia ao seu paso por Portas, a cal conta ademais cun gran valor arquitectónico.