As obras de asfaltado da PO-531 chegan ao Vao

Pontevedra
05 de setembro 2017

Dende hai anos a Consellería de Infraestruturas ten prevista a ampliación da capacidade desta estrada, habilitando catro carrís entre as rotondas de Campañó, que enlaza cara á variante de Poio, e San Caetano, punto de arranque da PO-225, o viario que une a estrada de Vilagarcía coa de Santiago e saída da futura variante de Alba que a Xunta planea con catro carrís

Asfaltado da estrada PO-531 entre Pontevedra e Vilagarcía
Asfaltado da estrada PO-531 entre Pontevedra e Vilagarcía / PontevedraViva

Os traballos de mellora da estrada PO-531 que une Pontevedra e Vilagarcía chegaron ao polígono comercial do Vao.

Durante as últimas semanas a Consellería de Infraestruturas está a renovar o asfaltado de boa parte deste transitado viario o que provoca algunhas retencións e pequenos desvíos no tráfico.

Dende hai anos a Consellería de Infraestruturas ten prevista a ampliación da capacidade desta estrada, habilitando catro carrís entre as rotondas de Campañó, que enlaza cara á variante de Poio, e San Caetano, punto de arranque da PO-225, o viario que une a estrada de Vilagarcía coa de Santiago e saída da futura variante de Alba que a Xunta planea con catro carrís.

Estes plans de ampliar a catro carrís o primeiro tramo de tres quilómetros entre Pontevedra e a rotonda de Alba foran anunciados no ano 2009 polo entón conselleiro Agustín Hernández e hai uns meses a actual conselleira Ethel Vázquez defendeu este deseño ante o alcalde Fernández Lores.