As obras de desdobramento da Avenida de Vigo xa teñen data: empezarán o 25 de agosto

Pontevedra
13 de agosto 2014

A previsión municipal é que  tamén comecen as obras de calmado do tráfico previstas para a avenida Raíña Victoria e a Alameda. A actuación comenzará por Raíña Victoria, onde se elevarán os pasos de peóns cos correspondentes 'lombos' coa previsión de que estea executada antes do inicio do curso escolar no instituto Sánchez Cantón

A avenida de Vigo será desdoblada cun novo vial
A avenida de Vigo será desdoblada cun novo vial /

As obras de desdobramento da Avenida de Vigo xa teñen data. Empezarán a executarse o próximo luns 25 de agosto coas tarefas de roza dos terreos e os levantamentos topográficos.

O concelleiro de Mobilidade e Centro Histórico, Luis Bará, anunciou este mércores que tras os primeiros traballos da última semana de agosto a previsión municipal é que en setembro as obras entren nun "ritmo elevado" de execución para poder avanzar no proxecto. Parte do orzamento da actuación hai que executalo antes de que remate o ano, de aí que haxa que axilizar as obras.

Bará resaltou que co inicio das obras se pon en marcha unha actuación que "é moi importante" porque vai "transformar a zona sur da cidade".

Estes traballos, financiados polo Concello e o Ministerio de Fomento, executaraos a UTE formada polas empresas Covsa e EC Casas por un prezo de adxudicación de 3.782.000 euros.

O día 25 será de estrea noutras zonas da cidade. A previsión municipal é que nesa xornada tamén comecen as obras de calmado do tráfico previstas para a avida Raíña Victoria e a Alameda. A actuación comezará por Raíña Vitoria, onde se elevarán os pasos de peóns cos correspondentes 'lombos' coa previsión de que estea executada antes do inicio do curso escolar no instituto Sánchez Cantón. Posteriormente, xa en setembro, traballarán na Alameda.

Ademais, a próxima semana será efectivo o cambio de sentido da circulación na rúa Palamios. O Goberno local decidiu facer definitivo a modificación que se produce nesa zona todos os anos con motivo das Festas da Peregrina, de modo que unha vez que rematen as restricións circulatorias desta época, o próximo luns 18, en Palamios seguirán.

Terán que esperar aínda uns días o cambio previsto na Ribeira dos Peiraos, na desembocadura do río de Gafos, onde se inverterá o seu sentido e agora se circulará en sentido cara á rúa Palamios.