Os traballos de reposición do firme e reforzo da cimentación que se están executando na rúa José Malvar obrigarán, a partir do día 13 de outubro, a limitar a un só carril, en sentido de subida, a circulación de vehículos. A decisión tomouse en base a criterios técnicos e manterase mentres dure a primeira fase da obra, que se centra na substitución do tubo de aceiro por un de formigón armado que canalice as augas do regacho de Valdecorvos, que transcorre baixo a calzada.
Aínda que nun principio estaba previsto que a actuación ía permitir manter abertos os dous carrís, os técnicos do Concello detectaron que o noiro da zona estaba debilitado, xa o aseguraron cun muro de contención, pero para garantir a seguridade do lugar, dos operarios e dos vehículos determinaron o peche do carril.
Deste xeito, a partir do mércores, José Malvar só terá unha dirección posible, a de subida, e ningún vehículo poderá baixar por ela ata que non conclúa a primeira fase da obra. O tráfico pesado xa fora desviado con antelación pola zona da Seca e os autobuses poderán seguir subindo pola rúa afectada e baixar por Casimiro Gómez durante toda a actuación.
PECHE DE CASTELAO
A rúa Castelao pecharase ao tráfico este domingo, 10 de outubro, pola mañá para a retirada dun mastro da cuberta do edificio do número 3 desta vía. Regularase o acceso e a saída de vehículos desde a rúa Sagasta, tanto para residentes como para o servizo de Urxencias do Hospital QuironSalud.