As obras de José Malvar obrigan a cortar o carril de baixada a partir do día 13

Pontevedra
08 de outubro 2021

O carril quedará pechado durante o tempo que dure a primeira fase dos traballos, consistente na substitución da tubaxe que canaliza as augas do regacho de Valdecorvos

Corte de tráfico por obras na rúa José Malvar por risco de afundimento na calzada PontevedraViva

Os traballos de reposición do firme e reforzo da cimentación que se están executando na rúa José Malvar obrigarán, a partir do día 13 de outubro, a limitar a un só carril, en sentido de subida, a circulación de vehículos. A decisión tomouse en base a criterios técnicos e manterase mentres dure a primeira fase da obra, que se centra na substitución do tubo de aceiro por un de formigón armado que canalice as augas do regacho de  Valdecorvos, que transcorre baixo a calzada.

Aínda que nun principio estaba previsto que a actuación ía permitir manter abertos os dous carrís, os técnicos do Concello detectaron que o noiro da zona estaba debilitado, xa o aseguraron cun muro de contención, pero para garantir a seguridade do lugar, dos operarios e dos vehículos determinaron o peche do carril.

Deste xeito, a partir do mércores, José Malvar só terá unha dirección posible, a de subida, e ningún vehículo poderá baixar por ela ata que non conclúa a primeira fase da obra. O tráfico pesado xa fora desviado con antelación pola zona da Seca e os autobuses poderán seguir subindo pola rúa afectada e baixar por Casimiro Gómez durante toda a actuación.

PECHE DE CASTELAO

A rúa Castelao pecharase ao tráfico este domingo, 10 de outubro, pola mañá para a retirada dun mastro da cuberta do edificio do número 3 desta vía. Regularase o acceso e a saída de vehículos desde a rúa  Sagasta, tanto para residentes como para o servizo de Urxencias do Hospital  QuironSalud.