As obras de mellora da PO-308 entre Fontenla e Combarro, en marcha o luns 23

Poio
20 de xaneiro 2023
Actualizado: 19:03

A Axencia Galega de Infraestruturas comunicou ao Concello de Poio que as obras iniciaranse pola execución do muro de contención que amplía a plataforma da estrada na zona do miradoiro do punto quilométrico 4+600 da PO-308. Desde a Xunta de Galicia sinalan que a moción presentada ao respecto desta actuación autonómica é "de todo sorprendente"

Estrada autonómica PO-308, entre Fontenla e Combarro
Estrada autonómica PO-308, entre Fontenla e Combarro / PontevedraViva

O vindeiro luns 23 de xaneiro está previsto o inicio das obras de mellora da estrada autonómica PO-308 no treito entre Fontenla e Combarro, en Poio, licitadas pola Xunta de Galicia por preto de 1,7 millóns de euros.

Segundo a información facilitada pola Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas comunicou ao Concello de Poio que as obras iniciaranse pola execución do muro de contención que amplía a plataforma da estrada na zona do miradoiro do punto quilométrico 4+600 da PO-308.

Desde a Xunta de Galicia sinalan que a moción presentada ao respecto desta actuación autonómica é "de todo sorprendente". En primeiro lugar, segundo o goberno autonómico, porque o Concello, e enténdese que o PSOE de Poio, "é perfectamente coñecedor do inminente inicio das obras da Xunta". E, segundo, porque a obra de renovación dos servizos de saneamento e abastecemento que ten que executar o Concello, e que condiciona en moitas zonas a propia obra da Xunta, aínda non comezou.

O Goberno galego que foi unha actuación complexa, cunha tramitación administrativa na que se foron incorporando melloras derivadas das achegas recibidas nos períodos de información pública, que finalmente configuraron unha actuación na que se complementan a mellora da mobilidade activa, fundamentalmente peonil, e a mellora da seguridade viaria para todos os usuarios da estrada.

Nesta actuación tamén se tivo en conta a experiencia da intervención executada con anterioridade pola Xunta nesta mesma estrada, de mellora da seguridade viaria entre O Covelo e Raxó, que tivo moitas dificultades na súa execución polo estado, moi deteriorado, das conducións municipais de abastecemento.

Ante esa experiencia, a Xunta asegura, desde o principio, facilitou ao Concello de Poio toda a información necesaria e dispoñible para que este contratase unha actuación de renovación do abastecemento, da súa competencia, uns traballos que lle sairán tamén máis económicos ao ser pavimentada despois a vía a través da obra que executa a Xunta.

O Concello licitou a obra  de execución das obras contempladas dentro do proxecto de renovación de servizos na PO-308, Fontenla- Combarro, PK´s 3+600 – 5+250,, cuxo contrato se formalizou o 30 de xuño de 2022.

A Axencia Galega de Infraestruturas coordinou a execución das dúas obras a través das empresas contratistas. A día de hoxe, a obra que ten que acometer o Concello de Poio, que condiciona o inicio dos traballos da Xunta na maior parte do trazado, aínda non comezou.

RESPOSTA MUNICIPAL

Desde a concellería de Urbanismo afirman que "en ningún caso ten constancia por parte da Xunta da súa intención de iniciar as obras no tramo Fontenla-Combarro".
 
Gregorio Agís, concelleiro de Urbanismo: "parécenos vergonzoso o proceder da Consellería, ao non comunicar nada a Urbanismo"
 
Explican que, desde o primeiro momento, "desde Urbanismo apostamos por desenvolver a dotación de servizos nese tramo ao mesmo tempo que a mellora da seguridade, para optimizar recursos e reducir ao mínimo o impacto no tránsito. Por iso, parécenos vergonzoso o proceder da Consellería, ao non comunicar nada a Urbanismo dese que se licitou a obra en xuño".
 
Gregorio Agís, concelleiro de Urbanismo, afirma: "parécenos tremendamente preocupante o feito de que unha institución oficial proceda deste xeito, curiosamente facendo este anuncio un día despois de coñecer a intención do PSOE e de Avante Poio de presentar unha moción solicitando o inicio das obras. Proba inequívoca de que os intereses políticos do PP están por riba dos da veciñanza".
 
Desde o goberno local preguntan "se o PP local e o señor Moldes tiñan coñecemento do inicio destes traballos, promoviendo un silencio cómplice con intereses partidistas, ou se non están ao tanto das actuacións da Xunta".
Denuncian que esta situación confirma "o trato que dispensa a Xunta do PP a Poio, máis pendente de bloquear ou tramitar proxectos en función dos ritmos e do debate político que de poner solución a demandas históricas".
 
Malia este enfrontamento, Agís amosa a súa satisfacción polo anuncio do inicio das obras.