As obras de reforma do colexio Campolongo van combinarse coa actividade docente

Pontevedra
23 de setembro 2016

O importe de licitación da obra, que se realiza conxuntamente no CEIP Mestre Manuel García de Oia, ascende a 834.548 euros entre as dúas actuacións

Charlas no colexio de Campolongo
Charlas no colexio de Campolongo

A consellería de Cultura, Educación e Ordenacion Universitaria publicou a adxudicación da rehabilitación integral do CEIP de Campolongo, en Pontevedra. O importe de licitación da obra ascende a 834.548 euros, repartidos entre esta obra e a do CEIP Mestre Manuel García de Oia.

A intervención en Campolongo céntrase en mellorar o illamento térmico en xeral das instalacións, con actuacións concretas na fachada e nos falsos teitos. Ao mesmo tempo substituiranse as xanelas e os lucernarios antigos por outros novos de carpintería de aluminio con rotura da ponte térmica. Tamén está prevista a instalación de persianas con illante térmica interior e mudaranse as luminarias por novos equipos de alta eficiencia enerxética.

Por outra banda, mellorarase a instalación da calefacción. A obra ten como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética e funcional das instalacións do centro e o confort térmico e lumínico da comunidade educativa. De feito, segundo as estimacións, estas medidas combinadas supoñerán un aforro enerxético anual do 47,5% neste centro.

A intención da consellería é que se executen as obras combinándoas coa actividade docente e salvagardando as condicións de seguridade do alumnado. O prazo de execución é de tres meses.