Ponte Caldelas ultima o inicio dos traballos que se acometerán na praza Frei Antonio Orge, que tras unha reordenación funcional pasará a ser unha gran área de plataforma única.
Os labores previos á execución da obra avanzaron este luns e, nos próximo días, iranse preparando as tarefas de demolición das estruturas existentes.
Este espazo, que será renombrado como Praza Praceres Castellanos Pan, é un ámbito de aproximadamente 3.785 metros cadrados, situado á beira da escola infantil de Ponte Caldelas, a ludoteca municipal e o colexio Manuel Cordo Boullosa.
Contará con cinco estanques con iluminación, bancos con iluminación led, arboleda para crear espazos de sombra e torretas de iluminación. Todas as luces da praza levarán un novo sistema que regula a intensidade en función da luminosidade ambiente e do horario.
Ademais, eliminarase o vial que discorre por diante da escola infantil e da ludoteca municipal para crear un espazo seguro no que os menores poidan xogar con total seguridade.
A vía que dá acceso aos dous centros escolares da vila, o CEIP Manuel Cordo Boullosa e o IES Ponte Caldelas, e á Avenida do Balneario quedará na mesma plataforma única, limitando a velocidade dos vehículos a 10 km/h.
As obras teñen un prazo de execución de 18 semanas e foron adxudicadas, por case 494.000 euros, á empresa Sodein Construcións Integrais.
O proxecto finánciase a través do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra.