As obras de reposición do firme na rúa San Roque obriga a restrinxir a circulación

Pontevedra
10 de xuño 2020

Vai limitarse o tráfico de vehículos en sentido ascendente durante as xornadas do xoves 11 e o venres 12, entre as 08.00 e as 20.00 horas, para que se acometan os traballos de rehabilitación da capa de rodadura ante o deterioro que presenta a calzada nese tramo

Rúa San Roque, en Pontevedra
Rúa San Roque, en Pontevedra / PontevedraViva

Entre as 08.00 e as 20.00 horas deste xoves 11 e venres 12 de xuño está previsto que se prohiba o tráfico en sentido ascendente na rúa San Roque, desde a avenida de Marín cara a Alameda. O motivo desta limitación da circulación atópase no desenvolvemento das obras para rehabilitar a capa de rodadura da calzada.

Segundo o goberno local de Pontevedra, o firme desta vía aparece deteriorado e quérese repoñer o asfalto a para evitar situacións de perigo na circulación. As obras conlevan un plan de tráfico específico durante as dúas xornadas. Estas medidas afectan tanto á rúa San Roque, na que só se poderá circular en sentido de baixada para o tráfico rodado, como ás rúas da contorna.

Estas obras forman parte da reposición de firme que se acometen en diversas rúas da cidade dentro do contrato de mantemento de espazos públicos. A zona de San Roque non estaba prevista dentro dese plan de reparación pero, durante as últimas semanas, detectouse o mal estado do asfalto.

A próxima semana estes traballos de mellora das calzadas trasladaranse á avenida Xoán Carlos I, onde tamén se rehabilitará a capa de rodadura.