As obras do Pazo de Besada rematarán a finais de xullo

Poio
04 de maio 2022

Un século despois da súa construción, o emblemático Pazo de Besada recupera todo o seu esplendor e pasa a man da veciñanza de Poio para acoller os Servizos Sociais do Concello, coa reforma interior que se está a levar a cabo cunha achega de máis de medio millón de euros da Deputación

Visita de Carmela Silva ao Pazo de Besada
Visita de Carmela Silva ao Pazo de Besada / Deputación de Pontevedra

Un século despois da súa construción, o emblemático Pazo de Besada recupera todo o seu esplendor e pasa a man da veciñanza de Poio para acoller os Servizos Sociais do Concello, coa reforma interior que se está a levar a cabo cunha achega de máis de medio millón de euros da Deputación. 

A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Poio, Luciano Sobral; do deputado de Infraestruturas Gregorio Agís, e de representantes da Corporación municipal, visitaron este mércores as obras que se están a desenvolver neste singular edificio histórico, que foi residencia do ministro de Asuntos Económicos da Restauración, Augusto González Besada. 

A presidenta felicitou ao Concello de Poio "tanto pola recuperación do inmoble como polo uso que se lle vai dar", e tamén enxalzou a calidade do traballo levado a cabo pola empresa construtora, Abal.

Pola súa banda, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, destacou que a reforma interior é "o último punto no camiño" para darlle actividade de novo ao pazo "e poñelo á disposición da veciñanza". 

Indicou que nunha primeira obra, rehabilitouse estruturalmente o pazo "e agora dámoslle actividade" coa reforma interior que culminará co traslado dos Servizos Sociais.

O inmoble servirá tamén como punto de encontro das persoas maiores, e tanto elas como as demais persoas usuarias terán a súa disposición as terrazas para que poidan descansar mentres fan xestións nos novos espazos administrativos. Amais, as obras incluíron un salón de actos na primeira planta para actividades socioculturais e una zona de estudo no baixo cuberta para uso da mocidade.

O proxecto contempla así mesmo a urbanización da contorna inmediata do edificio coa finalidade de garantir o acceso universal a todas as persoas usuarias.

As obras estarán rematadas para finais de xullo, para iniciar logo o traslado desde as actuais oficinas da Casa Rosada. Non se prevén outras actuacións que non sexan as de mantemento e coidado para o xardín exterior, que conta con especies senlleiras e está especialmente protexido por Patrimonio, que permite só obras de conservación.