As obras exteriores da nova residencia de Cerdedo terminarán en xullo

Cerdedo Cotobade
13 de xuño 2020

A nova residencia da terceira idade de Cerdedo, impulsada polo Consorcio de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, vai ter rematada toda a obra exterior no vindeiro mes de xullo segundo lle informaron os responsables da obra ao alcalde, Jorge Cubela, e a Lourdes Ovelleiro nunha visita técnica realizada ás instalacións

Jorge Cubela e Lourdes Ovelleiro visitan as obras da nova residencia de Cerdedo
Jorge Cubela e Lourdes Ovelleiro visitan as obras da nova residencia de Cerdedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

A nova residencia da terceira idade de Cerdedo, impulsada polo Consorcio de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, vai ter rematada toda a obra exterior no vindeiro mes de xullo coa conclusión da fachada, a cobertura envolvente e a carpintaría exterior, segundo lle informaron os responsables da obra ao alcalde, Jorge Cubela, e a Lourdes Ovelleiro nunha visita técnica realizada ás instalacións.

Deste xeito, o cronograma fixa que no próximo mes de xullo se accederá á derradeira fase dos traballos, centrada exclusivamente nos tabicados, os acabados e outras tarefas no interior do inmoble, co obxectivo de rematar a construción deste moderno e funcional edificio no mes de novembro.

"Aínda que un calendario optimista apunta ao mes de outubro, a opción máis plausible é que o edificio quede acabado en novembro para que o 1 de decembro estea xa en mans da Xunta para proceder de inmediato á contratación e subministro do equipamento e a activación da operativa de persoal e loxística para a súa apertura", detallou Cubela, que explicou que o motivo da visita centrouse en coñecer o estado exacto da obra e dos seus prazos para axilizar os contactos co executivo galego e impulsar a tramitación administrativa para que o xeriátrico poida estar funcionando canto antes, preferentemente a comezos do ano 2021.

As obras remataron a estrutura xeral cos forxados e formigonados o pasado outono e deron paso á execución da impermeabilización da cuberta e das tarefas de albanelería durante o inverno e á instalación de todos os servizos durante a primavera malia as dificultades e paróns pola crise sanitaria do coronavirus. Agora as tarefas céntranse no remate da parte exterior para, como xa se indicou, afrontar a última fase, de catro meses, coas obras interiores.

O novo xeriátrico público, que contará con 48 prazas e disporá a posibilidade de que o Concello reserve prazas para a atención aos veciños que a poidan precisar, supón un investimento integral da Xunta de Galicia de 1,7 millóns de euros, xa que a obra foi contratada por 1,45 millóns e os 250.000 euros restantes destinaranse ás direccións de obra, estudos, equipamentos e dotación de mobiliario.

A futura residencia disporá de 24 habitacións dobres en dúas prantas e numerosos espazos comúns e de servizos e estase edificando en dúas parcelas lindeiras ao actual centro de maiores. Unha vez rematada esta actuación, o actual xeriátrico reconverterase exclusivamente en centro de día cunha oferta de trinta prazas, o que permitirá completar a modernización da rede xeriátrica da localidade con 78 prazas nas dúas modalidades: residentes e atención diurna.