As obras humanización da zona de A Chan estarán listas para o verán

Cerdedo Cotobade
11 de abril 2019

O proxecto, no que se invisten máis de 400.000 euros incluíndo a consecución dos terreos, ensanchará beirarrúas e mellorará a estética. A actuación tamén permitirá crear un aparcadoiro público gratuíto ao aire libre, dotado con 55 prazas, fronte ao centro de saúde

Proxecto para a obra de humanización da Chan
Proxecto para a obra de humanización da Chan / Concello de Cerdedo-Cotobade

As obras de humanización do núcleo da Chan, onde está a sede da capital do Concello de Cerdedo-Cotobade, empezarán xusto despois das festas de Semana Santa, poñendo fin a un longo proceso administrativo no que mesmo foi necesario realizar unha modificación urbanística.

En principio, está previsto que a humanización estea lista para este verán e, por mor dos inminentes traballos, o presidente municipal, Jorge Cubela, solicitou colaboración e prudencia aos veciños pola presenza de maquinaria pesada e operarios.

A información deuna a coñecer este xoves o Concello despois dun encontro organizativo entre Jorge Cubela e os representantes da empresa adxudicataria, Obras, Reformas y Saneamientos (Oresa).

Oresa formalizou todos os trámites administrativos esta mesma semana e posteriormente informou ao Concello para coordinar as medidas de seguridade e alternativas de tráfico durante as obras..

O proxecto consistirá no ensanchamento das beirarrúas, o acondicionamento de espazos públicos na Praza da Chan, a dotación de mobiliario urbano, a adopción de solucións que favorezan a confortabilidade do núcleo, a implantación de medidas de calmado de tráfico, a posta en valor e o acondicionamento peonil da capela de San Roque e a súa contorna e, en xeral, a mellora estética de toda a zona, incluíndo a travesía dende o consistorio.

Ademais, contempla a creación dun aparcadoiro público gratuíto en superficie con 55 prazas fronte ao centro de saúde, que era unha das principais demandas dos veciños.

A firma fixo unha oferta económica de 316.000 euros tras rebaixar en 113.000 euros a contía sobre o orzamento de licitación. Así e todo, o montante total desta actuación superará os 400.000 euros incluíndo o custo da consecución dos terreos