As obras no acceso ao Álvarez Limeses estarán rematadas para o inicio de curso

Pontevedra
05 de setembro 2020

O ámbito do colexio, segundo acreditaron os técnicos municipais, presentaba afundimentos e lousas movidas en parte do seu pavimento. Ademais, tamén se arranxará o mobiliario e outros elementos urbanos que teñan estragos

Obras nos accesos ao colexio Álvarez Limeses
Obras nos accesos ao colexio Álvarez Limeses / Concello de Pontevedra

A rúa Joaquín Costa volverá a abrir ao tráfico o próximo martes, dous días antes do inicio do curso escolar, previsto para o 10 de setembro. Para entón estarán rematadas as obras de mellora dos accesos ao colexio Álvarez Limeses, que se están a executar estes días.

En concreto, se están a realizar pequenas reparacións e arranxos de pavimento deteriorado, afundido, roto ou que é susceptible de ocasionar algún tipo de risco por outros motivos. 

O ámbito do colexio, segundo acreditaron os técnicos municipais, presentaba afundimentos e lousas movidas en parte do seu pavimento.

Ademais, tamén se arranxará o mobiliario e outros elementos urbanos que teñan estragos.

As obras obrigaron ao peche da rúa, con acceso só a residentes e servizos, ata o martes.

Estes traballos de mantemento, que se estenderán durante as vindeiras semanas ata completar a revisión e acondicionamento de todas as contornas dos centros de ensino, forman parte do calendario establecido desde que entrou en funcionamento o contrato de mantemento de espazos públicos o pasado mes de abril.