Cos labores previos de movemento de terra comezaron este luns as obras de construción do novo vial perimetral de Montecelo. Os traballos, que desenvolve a compañía Elsamex, custarán case 1,17 millóns de euros e teñen un prazo de execución de doce meses.
"Hoxe é un día importante paras obras do hospital", subliñou a portavoz do goberno municipal, Carme da Silva, que recordou que este vial forma parte dos compromisos asinados polo Concello á hora de dotar a cidade dun novo hospital público, que está a impulsar a Xunta de Galicia.
Esta nova estrada bordeará todas as instalacións hospitalarias, deixando o acceso actual para o uso exclusivo do hospital e dos seus servizos.
A estrada, que discorrerá pola parte traseira do actual hospital, terá 830 metros e partirá das inmediacións de Príncipe Felipe, concretamente enfronte do seu pavillón, e chegará ata a rúa Ángel Limeses, no extremo do actual aparcamento público de Montecelo.
Terá dous carrís, un para cada sentido, catro rotondas -dúas delas no seu punto de inicio e final-, medidas de acougado de tráfico e un sistema de iluminación especial, que se reforzará nos puntos nos que se coloquen os pasos de peóns.
A velocidade en toda esta estrada estará limitada a un máximo de 30 quilómetros por hora.