A Oficina Galega de Consumo e Competencia, situada no paseo de Cervantes, mudarase ao edificio da Delegación Territorial da Xunta en Campolongo. Agárdase que o traslado poida levarse a cabo na segunda quincena de decembro deste ano.
Así llo trasladou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, aos representantes da asociación Amizade, Pablo Fontán e Jorge Esperón, cos que analizou a mellora da accesibilidade aos edificios administrativos da Xunta en Pontevedra.
Durante a reunión tamén se acordou realizar, en compaña de representantes de Amizade, unha comprobación in situ da situación das ramplas de acceso ao edificio que a Xunta ten na Avenida de Vigo. Nel, a Xunta está a instalar un ascensor que permita acceder ata o segundo andar.
Outra demanda dos membros deste colectivo é que aumente o número de aseos adaptados no Hospital de Montecelo, cuestión que José Manuel Cores Tourís comprometeuse a trasladar ao xerente do complexo hospitalario.
Finalmente, en relación ao edificio do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Alcalde Hevia, o delegado territorial asegurou que os técnicos da delegación estudarán a posibilidade de instalar portas automáticas na entrada así como cambiar o empedrado de acceso ao edificio de Campolongo por unha pedra lisa que facilite o paso das cadeiras de rodas.