Caldas de Reis prepárase para vivir as súas festas, do sábado 12 de agosto e ata o día 16, e para entrar xa en ambiente o Concello deu a coñecer o programa completo de actividades para eses días con propostas de música, deporte e cultura para todas as idades.
O pistoletazo de saída darao a música de Froján, Anecoid e Laura DJ desde o escenario Prazuela, un escenario destinado á promoción dos grupos locais e polo que tamén desfilarán Brutal (13 de Agosto), The Spoonfuls e Xabi DJ (14 de Agosto). Continuando a música dos grupos locais o día 16 con Igloo e Mafia 1304 a Tafona.
Desde o domingo 13 os Xigantes e Cabezudos darán ambiente á vila saíndo á rúa acompañados polo Grupo de Gaitas As Espiñas.
Doutra banda a Carballeira é o lugar elixido para un gran espectáculo musical o martes 15 de agosto en homenaxe ao grupo 'Los Tamara', e no que Paco Lodeiro, Rosa Cedrón e Miguel Ladrón de Guevara serán os encargados de poñerlle voz á Banda de Música Municipal de Caldas de Reis.
Tamén os nenos terán o seu espazo para o protagonismo cun gran Circuito de Lecer Infantil o día 14 de agosto desde as 18.00 horas no Paseo Román López con inchables de aventuras, tobogáns e festa da escuma, entre outras actividades.
Un lugar destacado na programación ocúpana un ano máis as verbenas, empezando o 13 de agosto cos Alkar e Gran Parada e seguindo o día 14 con Combo Dominicano e Solara, o día 15 con Ritmo Joven e Galilea e o día 16 de agosto cos Orquestra Panorama.
Por último o Gran Combate Naval-Piromusical terá lugar o día 16 de agosto no Malecón.