O proxecto de construción do novo Auditorio de Marín que se creará na Praza de España onde está prevista unha reurbanización de toda a zona non suporá a desaparición das pistas de skate que se atopan nese espazo. Así o afirmaban este luns no Concello de Marín.
Desde o goberno local aseguran que, cando se realice o proxecto de reurbanización deste espazo central da vila, traballarase coa intención de buscar a localización máis axeitada dentro desta contorna da Praza de España.
O goberno de María Ramallo afirma que o obxectivo é manter este espazo moi utilizado pola mocidade do municipio e estudarase a posibilidade de renovar tamén os elementos das pistas actuais ao entender que xa se atopan desgastados.
Desde o Concello lembran, en todo caso, que existen outras instalacións deste tipo no Parque Azul de Cantodarea.