As policías Local e Nacional de Pontevedra manteñen unha colaboración "excepcional" para protexer unha cidade "segura"

Pontevedra
21 de setembro 2022

O alcalde e o comisario provincial mantiveron este mércores o seu primeiro encontro oficial tras o nomeamento de Juan José Diaz Jiménez o pasado mes de xullo e confirmaron que a colaboración entre corpos policiais está "a funcionar á perfección". A principal preocupación en materia de seguridade en Pontevedra é, como no resto de España, o repunte da ciberdelincuencia

Miguel Anxo Fernández Lores e Juan José Diaz Jiménez
Miguel Anxo Fernández Lores e Juan José Diaz Jiménez / Mónica Patxot

A colaboración entre as policías Local e Nacional de Pontevedra atópase nun bo momento e tanto o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, como o comisario provincial, Juan José Diaz Jiménez, destacan que manteñen unha relación "excepcional". Esa colaboración, segundo o responsable policial, mesmo é "do mellor que vin"

Fernández Lores e Diaz Jiménez mantiveron este mércores o seu primeiro encontro oficial tras o nomeamento do novo comisario provincial o pasado mes de xullo e, tras unha reunión privada de media hora de duración, compareceron #ante os medios de comunicación. 

Na súa comparecencia, Lores constatou que o Concello quere "ter a máxima relación posible coa Comisaría provincial" e que existe colaboración entre o responsable da Policía Local, José Manuel Duarte, e o novo comisario provincial. 

O responsable da Policía Nacional na provincia confirmouno e sinalou que esa colaboración entre corpos policiais está "a funcionar á perfección" co fin último de dar un servizo público e garantir a seguridade dos pontevedreses. 

O alcalde destacou que Pontevedra é "relativamente tranquila con respecto a outras cidades" e o comisario que é unha cidade "segura" que el xa coñecía de antes porque en 2011 xa chegou a Pontevedra para dirixir a Comisaría de Marín e logo pasou por Vilagarcía e Vigo antes de converterse en responsable de toda a provincia. 

A preguntas dos medios de comunicación, o comisario provincial explicou que a principal preocupación en materia de seguridade en Pontevedra é, como no resto de España, o repunte da ciberdelincuencia, pois a pandemia levou a un aumento do comercio electrónico e das estafas cometidas a través de internet, que non son máis que "a tradicionais estafas de toda a vida que se traspasaron ao marco dixital". 

Juan José Diaz indicou tamén que, a nivel de persoal, a Comisaría Provincial ten "capacidade dabondo" para atender á seguridade dos pontevedreses, aínda que "sempre se pode mellorar" e que as instalacións actuais da rúa Joaquín Costa son "bastante operativas" e, tras a última reforma acometida nos os últimos anos, quedaron "moi ben".