As praceiras trasládanse á antiga panadería mentres duren as obras no Mercado de Vilaxoán

O Salnés
05 de outubro 2023

As tres profesionais que traballan habitualmente na praza de abastos de Vilaxoán serán resituadas de forma temporal neste espazo moi próximo ao Mercado. Finalmente o goberno de Vilagarcía descarta a instalación de casetas

Proxecto da reforma interior prevista no mercado de Vilaxoán
Proxecto da reforma interior prevista no mercado de Vilaxoán / Concello de Vilagarcía de Arousa

As tres profesionais que traballan na praza de abastos de Vilaxoán desprazaranse de maneira temporal á antiga panadería, situada moi preto do Mercado. 

Desta forma descártase a idea inicial de establecer os tres postos en casetas situadas no exterior.

O goberno local de Vilagarcía mantivo un encontro coas afectadas para explicarlles o cambio de decisión e pedir desculpas polos erros de comunicación sobre as decisións adoptadas, segundo recoñecen desde Ravella.

As obras do Mercado supoñerán un investimento de máis de 210.000 euros e o atraso durante uns días do inicio das obras, segundo o goberno local, non afectará ao investimento nin aos prazos de execución.

 A actuación, que busca dinamizar o mercado atraendo novos vendedores, clientes e actividades, tiña un prazo inicial de execución de catro meses.