As praias de Poio quedarán listas esta semana para comezar a tempada alta

Poio
04 de xuño 2024

En Chancelas, Raxó e Lourido xa se fixeron os traballos de limpeza, tratamento da area e posta a punto que inclúe a mellora nos accesos e colocación de duchas, paneis informativos e papeleiras, que esta semana quedarán instalados en todas as praias

Praia de Lourido
Praia de Lourido / Concello de Poio

O Concello de Poio ultima estes días os traballos para deixar listas as praias do municipio para ofrecer a máxima calidade á veciñanza e visitantes ante a tempada de verán. 

Segundo explica o concelleiro de Medio Ambiente, nas praias de Chancelas, Raxó e Lourido xa se fixeron os traballos de limpeza, tratamento da area e posta a punto, mentres que no resto os traballos están completándose estes días.

Neste caso, recorda que a limpeza estase facendo de xeito periódico desde Semana Santa e, coincidindo co bo tempo, estanse intensificando e aumentando a frecuencia para ofrecer as mellores condicións. 

Ademais, no caso de Lourido, tamén esta semana van nivelar a area para diminuír a pendente provocada polas mareas vivas, o que permitirá facilitar o acceso de escavadoras para reforzar a limpeza en determinadas zonas.

Os traballos tamén inclúen a mellora nos accesos e colocación de duchas, paneis informativos e papeleiras, que esta semana quedarán instalados en todas as praias.

Previamente xa se adaptaron e prepararon as bases nas que van instaladas as duchas, e tratáronse os paneis de madeira para garantir maior durabilidade e mellorar a súa estética.

Con respecto aos accesos, o plan de mellora inclúe tarefas de reparación, mantemento ou pintado tanto na praia de Cabeceira como en Chancelas ou Fontemaior, entre outros.

O Concello de Poio tamén ten en marcha o proceso de contratación de seis socorristas para velar pola seguridade dos bañistas nas praias de Xiorto e Cabeceira, que son as dúas que este ano lucirán as bandeiras azuis.